Friday 29 de March de 2024

Fran Bermúdez convida a sentir nunha nova estrea virtual da Chanfaina Lab


Proseguen as estreas en youtube das pezas participantes na última edición do encontro audiovisual Chanfaina Lab. E a máis recente é dun director de aquí que nestes momentos anda vivindo e traballando polo estranxeiro e que, malia iso, conseguiu presentar unha peza na que fala da súa “verdadeira casa” no lugar da Lobeira, en Santa Mariña do Monte. Fran Bermúdez -aínda non dixéramos o nome- cose planos sinxelos e directos, afastados de artificios visuais e conceptuais para facernos solidarios do que el mesmo sinte vivindo nese lugar, para transmitirnos sensacións gardadas en pequenos detalles como a escuridade dunha noite chuviosa, a xeada nas campeiras, a visión dun xato recén nado ou a última ollada ao fogar que se deixa atrás e coa que sempre comeza a morriña. Coma sempre, en Fálame de San Sadurniño podemos ver o vídeo e unha completa reseña da peza e do seu autor escrita polo profesor Manolo González, que reproducimos a continuación.

Nado en Ferrol en 1978, Francisco Bermúdez é músico esporádico, debuxante afeccionado de cómics, compositor, gravador e montador de vídeo vocacional. Fascinado por viaxar, ingresou na Armada onde chegou a cumprir o seu soño, pois –despois de 2000 días de mar- visitou 40 países e 86 cidades. Casou e veu vivir ao lugar de A Lobeira, na parroquia de Santa Mariña do Monte. Alí comezou a escrita dun blog persoal de referencia en San Sadurniño “Vivo na Lobeira”.

Desde hai un tempo, Fran decidiu gravar en vídeo experiencias cotiáns, ideas e sensacións. Boa proba da súa teima cinéfila foi a peza presentada na anterior Chanfaina lab “Quixera”. No 2016 foi trasladado á cidade holandesa de Brunssum onde traballa no Mando Aliado das Forzas Conxuntas da OTAN. Alí non tardou en manifestárselle a grave enfermidade da morriña, polo que tamén rexenta e atende a “Embaixada da Lobeira nos Paises Baixos”.

Por motivos laborais, Fran non puido estar nos días de gravación da Chanfaina lab, mais o seu espírito inquedo e xeneroso “obrigouno” a participar nesta edición. Tiña moi encarreirada a súa peza documental sobre unha veciña da Lobeira: “a miña idea orixinal era facer unha curta monográfica sobre “Inolita da Lobeira”. Mais coma sempre, pasada a “festa” acontecéronme cousas mais ou menos importantes: mudanza ao estranxeiro, arranxar papeis, procurar casa, desenferruxar o meu inglés, traducir facturas do holandés, visitas turísticas, visitas mesmo ao veterinario con Lina, a “starring” da miña curta, e un longuísimo etc. O caso é que fun deixando a curta ata Nadal, primeiro, e tras o batacazo que supuxo que Inolita non quixese colaborar comigo, cousa que me dixo a unha semana de retornar a Brunssum, non me quedou outra que tirar de maxín e cos poucos vídeos que tiña gravados co móbil na casa -na miña casa de verdade, non a de aquí- para meterlle polo medio ao “monográfico” citado, comecei a montar a peza, que si é verdade que quedou “curta”, pero bueno, para o ano máis e mellor, espero.”

En “Sentimentos” seguimos asistindo ao proceso de crecemento dun cineasta na procura da súa mirada propia, poñendo o foco diante do que lle acontece, sinte e vive. Un puzle de emocións e sentimentos agromados da experiencia migratoria no latexar dun recuncho a outro da Unión Europea. Nesta peza minimalista –que dende a Chanfaina lab agradecemos de corazón, polos problemas de toda índole que tivo nesta edición- , Fran Bermúdez pretende tan só que cada espectador/a se interrogue polos seus propios sentimentos:: “Posiblemente, case seguro, que non sintan o mesmo ca min, e ese é en efecto, o que busca o “¿e ti que sentes?” do final; a verdade que non espero que ninguén coincida comigo en todos os sentimentos que se amosan, mais si que agardo que entendan a miña percepción e a comparen coa deles”.

A Chanfaina lab e a veciñanza da Lobeira seguen a agardar máis filmes de Fran Bermúdez nas vindeiras edicións desta experiencia colectiva que procura implicar a veciños e veciñas de San Sadurniño na creación audiovisal.